Friday 03 de May de 2024

A literatura galega sae reforzada da Praza dos Libros, que acadou un dos niveis de vendas máis altos en 15 anos


Suso de Toro e María Rei foron os autores máis demandados polo público adulto, en tanto que o infantil decantouse por Paco Nogueiras

Un señor elegante, de Suso de Toro, e Flores de ferro, de María Rei, foron os libros máis demandados polo numerosísimo público da Praza dos Libros, que regresou despois de dous anos de ausencia obrigada para demostrar que a literatura en particular e a cultura galega en xeral teñen moito futuro. As letras galegas saíron reforzadas nestes catro días de plic!, e non só entre o público adulto, senón tamén entre o infantil, xa que entre a rapazada trunfou o Extra! de Paco Nogueiras. De feito, máis da metade dos preto de 1.300 exemplares vendidos foron de literatura galega.

Ao éxito de vendas, que se situaron nos niveis máis altos dos 15 anos de historia da Praza dos Libros, súmase o de asistencia ás actividades programadas, tanto literarias coma musicais, que encheron os catro días da plic!, un aspecto que destacou tamén o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, especialmente tendo en conta as altísimas temperaturas das que gozamos. E todo en perfecta harmonía co mercado do xoves e a feira do domingo, que unha vez máis volveron a integrarse entre as casetas dos libreiros, as mesas dispostas para as sinaturas dos autores e os obradoiros infantís, que tamén os houbo.

Ao longo dos catro días realizáronse unha trintena de actividades, incluído o pregón de Xan Fernández Carrera. O xoves e o domingo, precisamente coincidindo coas feiras, foron os días de maior afluencia, como demostra o feito de que tanto as latas de atún Calvo do primeiro día coma os moletes de pan do último se esgotaran en case todas as casetas. As tarxetas-rasca con premios directos tamén tiveron moi boa acollida.